O Concello de Burela levará ao Pleno a aprobación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que incrementa en 9.000 as horas anuais de atención
- A nova licitación contempla un total de 44.000 horas anuais
Burela, 28 de xullo de 2026. O Goberno municipal levará ao Pleno deste xoves a aprobación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co obxectivo de ampliar e mellorar a atención ás persoas dependentes e ás súas familias.
A nova licitación contempla un total de 44.000 horas anuais, 9.000 máis que no contrato anterior, o que, segundo indican dende o Concello, permitirá aumentar a capacidade de resposta e adaptar o servizo ás necesidades actuais da veciñanza. Ademais, garante a subrogación das 30 auxiliares que actualmente prestan o servizo, así como dunha coordinadora e dunha axudante de coordinación.
O contrato incorpora tamén unha bolsa anual para axudas técnicas e servizos complementarios, que permitirá facilitar camas articuladas, colchóns antiescaras, cadeiras de ducha, cadeiras de rodas, grúas de mobilización e formación para familiares e persoas coidadoras. Así mesmo, valoraranse melloras como horas adicionais e a realización de limpezas de choque nos domicilios que o precisen.
Entre as novidades do novo contrato figuran a consolidación e o reforzo de prestacións como a existencia dunha oficina operativa en Burela, a formación obrigatoria e continua do persoal e das familias, a utilización de ferramentas tecnolóxicas para o seguimento do servizo, a dotación de equipos de protección individual e a aplicación de medidas específicas de prevención de riscos laborais. Dende o Concello subliñaron que estas medidas permitirán ofrecer unha atención máis eficiente, próxima e de maior calidade.
Destacan que con esta nova licitación, o Concello de Burela avanza na consolidación dun Servizo de Axuda no Fogar “máis amplo, estable, próximo e adaptado ás necesidades das persoas usuarias, favorecendo que poidan permanecer no seu domicilio e no seu contorno habitual coa atención e os apoios necesarios”.