O Concello de Burela informa sobre varios cambios na circulación polas obras de canalización no Porto de Burela
Burela, 17 de xullo de 2026. As obras de canalización que se están a executar no Porto de Burela chegarán o vindeiro luns, 20 de xullo, ao cruce da Moncloa (antiga Cruz Vermella), que quedará completamente cortado ao tráfico.
Esta actuación implica que dende primeira hora da mañá non será posible acceder ao porto dende a rúa Eijo Garay. Ademais, tampouco se poderá pasar directamente entre o porto norte (zona da Confraría) e o porto sur (ABSA) a través da zona portuaria.
Como consecuencia, o acceso ao porto norte deberá realizarse pola avenida da Mariña, mentres que ao porto sur se accederá pola rotonda da avenida de Pomeda.
Co obxectivo de facilitar a circulación, o Concello desviará o tráfico da rúa Eijo Garay cara á rúa Leandro Cucurny, do mesmo xeito que se fixo durante as Festas de Burela deste ano.
Por outra banda, na zona de Portos cortarase o tráfico xeral na rotonda de ABSA. Non obstante, a empresa encargada das obras informa de que se permitirá o paso aos vehículos que necesiten acceder ao varadoiro ou Armón.
A rúa Gloria da Corneta permanecerá aberta ao tráfico, mais lémbrase que non está permitido acceder desde esta vía á rúa Eijo Garay por dirección prohibida. O Concello reforzará a sinalización na contorna e insiste en que existe videovixilancia do tráfico na zona.
A duración estimada das obras nesta zona é de aproximadamente dous meses. Porén, segundo trasladou a empresa responsable da actuación, nun prazo de entre sete e dez días valorarase a posibilidade de habilitar un carril de circulación, en función da evolución dos traballos.
Dende o Concello continuarase informando sobre a evolución das obras e adaptando as medidas de tráfico da súa competencia no casco urbano, en colaboración coa empresa encargada da actuación na zona portuaria.