• Galego
  • Español

O Concello de Burela incrementa en 2 millóns de euros o seu orzamento para impulsar 27 actuacións no municipio

  • O Pleno Extraordinario de Burela aproba unha modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería que permitirá executar investimentos en infraestruturas, equipamentos, parques, seguridade, mobilidade, cultura e servizos sociais

Burela, 13 de xullo de 2026. O Pleno extraordinario celebrado hoxe no Concello de Burela aprobou unha modificación de crédito que incorpora 2.061.561,49 euros para financiar un total de 27 actuacións en diferentes ámbitos do municipio.

A modificación, con cargo ao remanente de tesourería, que ascende a case seis millóns de euros, permitirá desenvolver investimentos destinados á mellora de infraestruturas, equipamentos municipais, espazos públicos, zonas verdes, seguridade e servizos, coa finalidade de continuar modernizando o concello e dar resposta ás necesidades da veciñanza.

Máis do 40 % do total destinarase á mellora de infraestruturas e espazos públicos, cun investimento próximo aos 890.000 euros. Neste apartado inclúense actuacións como o asfaltado de diversas rúas, a execución do Plan de Orellas previsto no Plan de Mobilidade, o soterramento do cableado na praza da Mariña, a instalación dunha varanda na rúa Camiño Real, obras no Punto Limpo ou a expropiación urbanística do solo dotacional situado xunto ao Hospital.

Outra das partidas máis importantes, duns 500.000 euros, dedicarase á mellora de equipamentos e servizos municipais. Entre as actuacións previstas figuran a reforma da biblioteca municipal e a renovación do seu mobiliario, a construción de aseos públicos no parque Rosalía de Castro, a modernización de instalacións e equipamento deportivo, a adquisición de casetas de madeira, a mellora da eficiencia enerxética do local de Suafonte, a creación dunha cociña na praza de abastos e distintas reparacións no Barco Museo.

A proposta tamén reserva preto de 400.000 euros para parques e zonas verdes. Este investimento permitirá acometer a remodelación do parque Tíjola, instalar unha tirolina no parque de Suafonte, levantar unha escultura de homenaxe ao náufrago, construír unha pérgola e un novo lavabo público no parque Rosalía de Castro e reformar os baños da praia da Marosa.

Xunto a estas actuacións, a modificación de crédito incorpora outras medidas como a substitución do semáforo do cruce do Campón, a adquisición de inmobilizadores táser para a Policía Local, a reposición de créditos correspondentes a atrasos salariais, unha partida destinada á previsión dunha posible reclamación contractual derivada da decisión de que non repercuta á veciñanza a subida do imposto da auga durante a pandemia, e outra destinada ao novo convenio do programa Xantar na Casa.

Dende o Concello explicaron que, en definitiva, “a modificación aprobada permitirá impulsar investimentos en ámbitos como o deporte, a cultura, a accesibilidade, a mobilidade peonil, a eficiencia enerxética, a seguridade e os servizos sociais, consolidando actuacións orientadas á modernización das instalacións municipais, á humanización dos espazos públicos e á mellora da calidade dos servizos que presta o Concello”.