• Galego
  • Español

O concello de Burela forma aos máis pequenos do municipio no trampeo das vespas velutinas

A través da aula GAIA e en colaboración coa empresa Serpa, encargada de previr a aparición de niños no concello, instruíron ao alumnado do Ceip Virxe do Carme sobre este insecto con bastante presencia na comarca

Cada un dos alumnos de 3º de primaria do centro elaboraron unha trampa para velutinas coa axuda do axente especialista

Aprenderon as características deste tipo de insectos, así como a época na que aparecen os niños e a diferencia entre os primarios, secundarios e terciarios 


Burela, 10 de maio de 2022.-  O Concello de Burela continúa sensibilizando e formando á poboación sobre a prevención das vespas velutinas, con bastante presencia na localidade e comarca. Nesta ocasión, a través da aula GAIA e coa colaboración da empresa contratada para atallar esta problemática, Serpa, puxeron en marcha unha acción formativa destinada ao alumnado de 3º de primaria do Ceip Virxe do Carme.

A velutina é unha especie invasora que está poñendo en perigo a apicultura e os ecosistemas, polo que é imprescindible loitar contra esta ameaza e saber como actuar de xeito colaborativo e proactivo para a extinción da vespa asiática.

As nenas e nenos do Virxe do Carme puideron adquirir coñecementos sobre este insecto, diferenciándoo doutras especies e aprendendo o ciclo estacional da aparición dos niños, coñecendo a diferencia entre os primarios, secundarios e terciarios. Ademais das nocións teóricas, o axente especialista explicou ao alumnado o proceso para tratar de atrapalas e previr riscos para as persoas.  

Neste punto, cada un dos pequenos elaborou a súa trampa de velutinas de xeito manual, cun recipiente de plástico ao que lle fixeron buracos pintados de cores chamativas para simular unha flor e atraer aos insectos ao interior cunha substancia feita para provocar esta captura. 

Tanto o alumnado como o profesorado quedou satisfeito coa formación, o que lles permitirá actuar correctamente ante a aparición das velutinas e colaborar no trampeo para contribuír á súa extinción.