O Concello de Burela executa melloras no Punto Limpo para reforzar o control e mellorar a xestión de residuos
- As actuacións inclúen a instalación dunha báscula, a mellora do peche perimetral e un sistema de videovixilancia
Burela, 6 de febreiro de 2026. O Concello de Burela está a realizar unha serie de actuacións de mellora no punto limpo municipal, co obxectivo de reforzar o control da entrada e saída de residuos, optimizar a xestión dos distintos fluxos e mellorar a seguridade das instalacións.
No marco do seguimento destas actuacións, a alcaldesa de Burela, Carmela López, o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández e o director da obra realizaron unha visita ao punto limpo para comprobar o avance dos traballos.
Segundo recolle o proxecto, as actuacións encádranse nas melloras das instalacións municipais destinadas á recollida separada de residuos, co fin de favorecer a reciclaxe ou outras formas de valorización e reducir a cantidade de residuos destinados á eliminación.
Entre as actuacións previstas atópase a instalación dunha báscula para a pesada de entradas e saídas de residuos, destinada ao control dos vehículos que acceden ao punto limpo. Tamén se contemplan melloras no control de acceso á zona de almacenamento, que inclúen a mellora do peche perimetral do recinto e a instalación dun sistema de videovixilancia, composto por catro cámaras, co obxectivo de incrementar a seguridade.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, explicou que estas actuacións responden a unha necesidade detectada no punto limpo: “Eran unhas melloras necesarias que permiten ter máis control sobre o punto limpo e sobre o que alí chega”. En relación coa báscula, sinalou que “vai permitir ter un control perfecto da cantidade de residuos que se xestionan, algo do que ata agora non se dispoñía”.
Respecto ás actuacións de seguridade, Fernández indicou que “o recinto sufría actos de vandalismo e roubos”, polo que se está a instalar “un peche perimetral máis consistente, con valado de paneis de malla electrosoldada”, así como un sistema de videovixilancia para “intentar evitar que estes feitos se sigan producindo”.
O concelleiro engadiu que estas situacións tamén derivaban “nun mal uso do punto limpo e nunha mala xestión dos residuos, xa que en ocasións chegaban a deixarse residuos na propia entrada”. Segundo indicou, “con estas actuacións preténdese paliar estes comportamentos incívicos detectados nos últimos anos”.
O orzamento da obra ascende a 68.748,21 euros e, segundo indicou o concelleiro, “os traballos atópanse practicamente rematados”. Fernández destacou que estas actuacións “amosan o compromiso do Concello coa xestión de residuos e co bo funcionamento do punto limpo como exemplo de xestión municipal”.