• Galego
  • Español

O CONCELLO DE BURELA DECRETOU SERVIZOS MÍNIMOS PARA A XORNADA DE FOLGA XERAL CONVOCADA NA MARIÑA. ALFREDO LLANO ANIMA A PARTICIPAR NA MANIFESTACIÓN DO 17 DE NOVEMBRO

O alcalde, Alfredo Llano, contou que o Concello decretou servizos mínimos para a xornada de folga xeral convocada na Mariña para o vindeiro mércores, 17 de novembro. O rexedor anima a participar na manifestación que sairá ás doce da mañá desde o Hospital Público da Mariña para rematar na Praza do Concello. Llano agarda que discorra con normalidade.

O alcalde burelés dixo que “o Concello de Burela vai facilitar totalmente a organización da manifestación. Tamén impulsará e motivará á xente a participar en algo dunha maneira solidaria cos organizadores no aspecto de que, agora mesmo, a comarca da Mariña está moi preocupada pola situación laboral, social, polo estado das infraestruturas e da sanidade. Estamos preocupados porque hai moitos problemas que debemos resolver da mellor maneira posible e canto antes se faga moito mellor”.

Alfredo Llano agarda que “esta manifestación, que vai comezar ás doce da mañá no Hospital da Costa e vai rematar unha hora e pico máis tarde na Praza do Concello de Burela, se leve con todas as garantías organizativas, de seguridade e de participación. Animamos a toda a xente que queira vir ata Burela xa que ten unha oportunidade para manifestar o seu desacordo e a súa solidariedade con todos estes temas que nos preocupan, e polo tanto, animamos a todo o mundo a secundar esta movilización”.

O rexedor sinalou que “o Concello de Burela tamén vai colaborar dunha maneira participativa con moitos membros da Corporación, eu irei á manifestación, pero tamén imos contribuír cos servizos mínimos que se vexa que a actividade do Concello está limitada a eses servizos mínimos como pode ser o Rexistro, a Policía Local, Protección Civil ou un retén de Obras por si houbera algunha incidencia mentres se desenrola a manifestación. Calculo a nivel persoal que vai haber moito peche do comercio e da hostalería, polo menos mentres dure a manifestación aquí en Burela e supoño que no resto da Mariña tamén sucederá o mesmo. Trátase de que, sobre todo, sirva para chamar a atención do que está acontecendo agora mesmo na nosa comarca”.

O alcalde engadiu que “onte tamén participei representando á Mariña en Santiago na manifestación da sanidade. Cremos que é moi importante chamar a atención sobre isto. Volveremos reclamar o mércores 17 a área sanitaria propia da Mariña porque é algo fundamental. Pensamos que con 75.000 habitantes que poboamos a Mariña nos 16 concellos é máis que suficiente xustificación para ter un hospital non un ambulatorio grande, un hospital con autonomía de servizos, sanitaria, de organización e que teña unhas características máis de hospital xeral que dun ambulatorio. Todos temos que seguir reclamando isto para A Mariña como tamén reclamaremos as infraestruturas, que se resolva a problemática tanto de Alcoa como de Vestas e outras problemáticas laborais que están ocorrendo na nosa comarca. Polo tanto, cremos que é un bo día para manifestarse, para reclamar e para participar dunha forma responsable e seria, pero desde logo chamando a atención sobre todo aquilo que nos preocupa e que queremos mellorar loxicamente para que A Mariña siga sendo un caudal con moito futuro”.