• Galego
  • Español

O Concello de Burela consolida o modelo de zonas azuis gratuítas como ferramenta para mellorar a mobilidade e apoiar o comercio local

  • O sistema permite aparcar ata unha hora gratis nas zonas con maior demanda e busca facilitar o acceso ao comercio e aos servizos do centro urbano

Burela, 6 de marzo de 2026. O Concello de Burela continúa avanzando na reorganización do tráfico e do estacionamento coa consolidación das zonas azuis gratuítas, que permiten estacionar ata un máximo dunha hora nas áreas con maior demanda.

O obxectivo desta medida é favorecer a rotación de vehículos e facilitar a dispoñibilidade de prazas, especialmente nas zonas comerciais e de servizos do centro urbano.

Segundo sinala o goberno municipal, a implantación deste sistema está contribuíndo a mellorar a accesibilidade e a dinamizar a actividade comercial ao facilitar que máis persoas poidan atopar estacionamento para realizar xestións ou compras.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “ordenar o aparcamento non é unha medida puntual, é unha decisión estrutural que forma parte dun modelo de vila máis organizada e máis cómoda para vivir”.

Segundo explicou, “como todo cambio, require un período de adaptación. Pero pouco a pouco a veciñanza vai coñecendo o funcionamento das zonas azuis e entendendo que o obxectivo é facilitar que haxa movemento, que haxa rotación e que sexa máis doado atopar aparcamento cando se precisa”.

López subliñou que esta actuación non é illada, senón que forma parte dunha estratexia máis ampla: “Seguimos traballando na creación de máis aparcamentos disuasorios e na reorganización do tráfico para facer un uso máis eficiente do espazo público. O solo é limitado, e a nosa responsabilidade é xestionalo con equilibrio”.

A alcaldesa insistiu en que o modelo aposta pola convivencia entre residentes, comercio e visitantes, afirmando que “queremos unha Burela dinámica, con actividade, con servizos e con movemento. Iso tamén implica tomar decisións que melloren a mobilidade a medio e longo prazo”.

Dende o Concello destacan que “continuarán avaliando o funcionamento do sistema e introducindo melloras sempre que sexa necesario, escoitando á veciñanza e aos sectores implicados”.