• Galego
  • Español

O CONCELLO DE BURELA CONCEDE AXUDAS A FAMILIAS AFECTADAS POLA CRISE ECONÓMICA DERIVADA DA COVID-19. A PARTIDA DESTINADA A ESTE FIN É DE 26.000 EUROS.

Burela, 30 de novembro de 2021. O Concello de Burela concede axudas para familias empadroadas no termo municipal afectadas pola crise económica provocada pola covid-19. A partida destinada a este fin ascende a 26.000 euros.
Entre os requisitos para poder solicitalas figura que os ingresos máximos por unidade familiar non poderán superar os límites establecidos nas bases. Por exemplo, para unha familia de catro membros, o límite de ingresos anuais totais será de ata 23.725,80 euros (2x175% do IPREM).

As bases recollen ademais que se solicite a axuda canto antes, cubrindo e rexistrando o modelo de solicitude xunto coa documentación requirida, xa que se outorgarán por orde de chegada ata esgotar o crédito orzamentario destinado ás mesmas. O modelo pódese descargar na páxina web do Concello, redes sociais ou solicitalo no propio Concello. A cantidade máxima por unidade familiar será de 1.129,80 euros. Os conceptos subvencionables serán facturas de luz, auga, gas, comunidade de veciños, material escolar, transporte, aluguer, hipoteca, reparacións básicas urxentes, alimentos de primeira necesidade, con data dende o 11 de marzo de 2020. Xunto coa solicitude deberán rexistrarse as facturas e o xustificante de pago.

As persoas interesadas poden pedir máis información sobre o procedemento no teléfono 982 82 62 66 en horario de 8:00 a 15:00.

A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, explicou que “son axudas que pretenden chegar a familias que sufriron moi directamente a crise económica motivada pola covid-19, dende o 11 de marzo de 2020, ben por perder o seu emprego, verse afectado por un ERTE ou un ERE ou por outras circunstancias. Estas axudas subvencionan facturas de alugueiro, hipoteca, luz, auga, gas ou bens de primeira necesidade”.

A edil burelesa engadiu que “as persoas interesadas deben descargar o modelo de solicitude na nosa web ou ben vir recollelo ao Concello, onde lles facilitaremos o modelo a seguir. Animo aos veciños e veciñas, que cumpran cos requisitos establecidos nas bases, a que as soliciten canto antes xa que serán outorgadas por orde de chegada”.