• Galego
  • Español

O Concello de Burela colabora na celebración dun concerto solidario de Aba Taano, referente internacional do gospel africano

Burela, 28 de xuño de 2026. O Auditorio Municipal de Burela acollerá o vindeiro venres 21 de agosto, ás 20:00 horas, o concerto solidario do grupo ugandés Aba Taano, unha das formacións de gospel africano con maior recoñecemento internacional. A actuación, organizada a beneficio da ONG Música para Salvar Vidas, combinará música, solidariedade e compromiso social nunha proposta cultural de gran nivel.

A través das súas voces, da súa enerxía e da música tradicional africana, Aba Taano ofrecerá un espectáculo cheo de ritmo, emoción e esperanza, no que o público poderá coñecer de primeira man un proxecto no que a música se converte nunha ferramenta de transformación social.

Os cinco integrantes da formación forman parte da ONG Música para Salvar Vidas, unha iniciativa que traballa para ofrecer educación, formación e oportunidades de futuro a nenos e mozos en situación de vulnerabilidade en Uganda. A recadación do concerto destinarase integramente a apoiar este proxecto solidario, que leva anos empregando a música como vehículo de inclusión e desenvolvemento.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, anima á veciñanza a asistir a esta cita e destaca que "será unha oportunidade única para desfrutar dun espectáculo musical de gran calidade e, ao mesmo tempo, colaborar cun proxecto que demostra como a cultura pode cambiar vidas. Agardamos que o público de Burela responda e encha o auditorio para vivir unha experiencia inesquecible".

As entradas teñen un prezo de 12 euros, sendo de 6 euros para menores de 12 anos. Poderán adquirirse de forma anticipada en Azor (rúa Arcadio Pardiñas, 86), nos mercados semanais dos martes en Foz e dos venres en Burela, en Calzados Edelmiro e tamén a través da plataforma Giglon.

Desde o Concello de Burela anímase á cidadanía a participar nesta proposta cultural e solidaria, que permitirá gozar da música de Aba Taano ao tempo que se contribúe a mellorar a vida de centos de nenos e mozos en Uganda.