• Galego
  • Español

O Concello de Burela avanza na mellora dos recursos para a atención á discapacidade

Burela, 5 de febreiro de 2026. O Concello de Burela participou nunha reunión de traballo para avanzar en recursos clave destinados á atención á discapacidade no municipio. No encontro participaron a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Burela, Sandra Fernández, a directora da Fundación Eu Son, Noelia Eijo, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón Fernández.

Durante a reunión abordáronse cuestións como o avance no proxecto de creación da residencia da Fundación Eu Son, así como a Unidade de Atención Temperá, entre outras iniciativas orientadas a mellorar a atención, a inclusión e a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, puxo en valor a importancia desta reunión e sinalou que agarda manter proximamente un encontro coa conselleira de Política Social, Fabiola García, coa finalidade de abordar e afianzar o conxunto dos recursos sociais vinculados á atención á discapacidade e á Atención Temperá, tanto os proxectos en marcha como as necesidades actuais.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, destacou que “seguimos traballando para crear recursos e adaptar os que xa temos ás necesidades reais das persoas e das súas familias”.