O Concello de Burela aproba inicialmente un orzamento de máis de 9 millóns de euros para 2026
Burela, 2 de marzo de 2026. O Pleno extraordinario do Concello de Burela aprobou inicialmente os Orzamentos Municipais para o exercicio 2026, que ascenden a 9.037.303,25 euros, consolidando a estabilidade financeira da entidade e mantendo o equilibrio entre ingresos e gastos.
O Concello de Burela non conta con débeda financeira, o que reforza a solvencia e sustentabilidade do orzamento aprobado.
O documento incorpora unha dotación de 300.000 euros no capítulo de persoal para facer realidade a nova Relación de Postos de Traballo, unha actualización organizativa necesaria tras case dúas décadas sen revisión estrutural. O obxectivo é ordenar a estrutura municipal, adaptar as retribucións á valoración técnica dos postos e mellorar a eficiencia administrativa.
En canto á distribución do gasto por áreas, o 42,17% destínase a Servizos Públicos Básicos —como limpeza viaria, recollida de residuos, iluminación pública e mantemento de vías— e o 18,76% a Protección e Promoción Social. Ademais, o 15,80% concéntrase en educación, cultura e deportes, o 8,21% en actuacións de carácter económico e o 15,07% en administración e xestión municipal.
No capítulo de investimentos inclúense actuacións na Praza do Concello, Praza de Abastos, Avenida Arcadio Pardiñas, Casa da Xuventude e a achega municipal de 132.890,88 euros á construción da nova EDAR, infraestrutura estratéxica para o futuro ambiental de Burela.
O goberno destacou que se trata dun orzamento “equilibrado, responsable e centrado na prestación de servizos públicos, na protección social e na modernización da organización municipal”, subliñando que “cada euro está ao servizo de Burela”.