• Galego
  • Español

O Concello de Burela acollerá un concerto da soprano Ruth Iniesta como parte do Festival Bal y Gay

  • Iniesta estará acompañada polo pianista Javier Carmena, nun dos recitais máis destacados deste festival de música clásica
  • Será o 16 de agosto no auditorio da Casa da Cultura de Burela ás 20:30horas, con entradas a 20€

Burela, 9 de agosto de 2024. O Concello de Burela acollerá un dos concertos do Festival Bal y Gay de música clásica na Mariña lucense. Será o que darán a soprano Ruth Iniesta e o pianista Javier Carmena o 16 de agosto.

O concerto terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Burela ás 20:30 horas. Aínda hai entradas dispoñibles, a un prezo de 20€ na páxina web do festival, no enderezo https://entradas.festivalbalygay.com/

O festival está organizado pola Fundación Bal y Gay e comezou no día de onte, 8 de agosto. Desenvolverase ata o día 23 en diferentes puntos repartidos por toda a Mariña.

"Despois do primeiro encontro coral Mariñaencanto, que tivo lugar en Burela en abril da man da fundación Xesús Bal y Gay, é un placer poder colaborar de novo coa fundación nesta XI edición do festival de música clásica", explica a concelleira de Cultura, Lina Gómez.

"É un orgullo contar coa soprano Ruth Iniesta e o pianista Javier Carmena no noso auditorio despois de que actuaran en lugares de referencia da música clásica como a Staatskapelle de Berlín, Musikverein de Viena, Gran Teatre do Liceu, Palau de Lles Arts, Teatro Massimo de Palermo ou o Teatro Regio de Turín", engade.