• Galego
  • Español

O Concello de Burela acolle o ciclo ‘Arredor do Té’ para sensibilizar sobre a situación do pobo saharauí

  • A actividade será o vindeiro venres, 19 de xuño, na Casa da Xuventude, e está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto á Delegación da RASD en Galicia e Sogaps

Burela, 11 de xuño de 2026. O Concello de Burela participará no ciclo de conversas ‘Arredor do té’, unha iniciativa impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para sensibilizar arredor da situación do pobo saharauí e das condicións de vida nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf, en Alxeria.

A actividade celebrarase o venres 19 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa da Xuventude de Burela, no marco da conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que Nacións Unidas celebra o 20 de xuño baixo o lema ‘Ata que todo o mundo estea a salvo’.

As charlas serán impartidas por activistas saharauís, que ofrecerán un testemuño directo sobre a realidade do Sáhara Occidental e sobre as dificultades ás que se enfrontan as persoas refuxiadas nos campamentos de Tinduf. A proposta toma como referencia o ritual tradicional do té no deserto do Sáhara, entendido como un espazo de conversa, hospitalidade e intercambio cultural.

Entre os obxectivos da iniciativa figuran combater a desinformación, visibilizar a historia do Sáhara Occidental como antiga provincia española, denunciar a situación dos dereitos humanos no territorio, dar a coñecer o papel das mulleres saharauís na resistencia e divulgar os programas de apoio existentes.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, sinalou que “é importante abrir espazos de información e sensibilización sobre realidades que moitas veces permanecen afastadas da cidadanía”. Así mesmo, destacou “o valor do intercambio cultural e da cooperación entre pobos como ferramentas para fomentar unha sociedade máis consciente e solidaria”.