• Galego
  • Español

O Concello de Burela abre mañá, mércores 19 de xuño, o prazo de preinscrición para os seus campamentos de verán

  • O prazo estará aberto ata o venres 21 de xuño, e as preinscricións poderán realizarse no correo electrónico gaia@burela.org ou na oficina do centro Gaia

Burela, 18 de xuño de 2024. O Concello de Burela abre mañá, mércores 19 de xuño, o prazo de preinscrición para o seu programa de campamentos de verán e ocio para a cativada Somos Verán.

O prazo estará aberto ata o venres, día 21 de xuño. As preinscricións poderán realizarse no correo electrónico gaia@burela.org ou na oficina do centro Gaia. Deberase entregar a documentación necesaria e o formulario que se pode atopar en https://burela.org/es/somos-veran-2024

A concelleira responsable do centro Gaia, Lina Gómez, destaca que estes campamentos "supoñen unha alternativa de lecer moi atractiva para a cativada, que poderá participar en todo tipo de actividades".

Poderán inscribirse neste programa as nenas e nenos que cursaran Infantil ou Primaria no curso escolar 2023-2024. A totalidade da unidade familiar deberá estar empadroada en Burela.

Os campamentos terán lugar do 1 ao 12 de xullo, do 15 ao 26 de xullo, do 29 de xullo ao 9 de agosto e do 12 ao 23 de agosto. As actividades levaranse a cabo no CEIP Virxe do Carme de luns a venres entre as 9:00 e as 13:30 horas.

Unha mesma persoa poderá optar a un, varios ou todos os campamentes, debendo indicar a súa orde de preferencia. Haberá un total de 75 prazas por cada campamento.

A listaxe de prazas aceptadas será publicada o día 25 de xuño na web do Concello. Máis información, en burela.org ou nos números de teléfono 982 580 867 e 647 136 673.