O Auditorio Municipal de Burela acollerá o concerto de PEITOESCURO o sábado 6 de decembro
Burela, 5 de decembro do 2025. Maña, sábado 6 de decembro ás 19:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá o concerto de PEITOESCURO, unha proposta musical que combina tradición, innovación e unha forte conexión co territorio. A actividade, organizada en colaboración do Concello de Burela coa Deputación de Lugo, será de entrada de balde ata completar aforo.
PEITOESCURO é un proxecto que afonda nas raíces do folclore galego e ibérico, integrando cantigas populares, ritmos ancestrais e versos poéticos cun tratamento sonoro contemporáneo no que os recursos electrónicos teñen un papel fundamental. O seu traballo destaca pola capacidade de trasladar ao escenario a forza simbólica das paisaxes do Courel e da Ribeira Sacra, elementos que inspiran unha estética marcada pola natureza, a memoria e o rural.
A actuación en Burela insírese na xira de presentación do seu primeiro álbum, “Semente na Fenda”, producido por Iago Pico. Este disco propón unha reflexión artística arredor da escuridade, do ciclo da semente e da procura da luz, establecendo unha ponte entre a tradición musical e as linguaxes creativas máis actuais.