O artista David Catá desenvolverá a intervención artística no molde do faro de Burela tras gañar o certame MoldeArte
- A súa proposta, ‘La piel del mar’, foi seleccionada polo xurado entre as presentadas ao concurso impulsado polo Concello no marco do proxecto ‘Burela Alumea’
Burela, 7 de agosto de 2025. O artista mariñán David Catá resultou gañador do concurso MoldeArte, convocado polo Concello de Burela, co obxectivo de seleccionar unha intervención artística para o molde do faro, no marco do proxecto ‘Burela Alumea – O Espello do Faro’. A decisión foi tomada polo xurado reunido o pasado 18 de xullo na Casa do Concello.
A proposta seleccionada, titulada ‘La piel del mar’, articula unha intervención que combina memoria, corpo, música, pintura e fotografía, coa intención de crear un espazo simbólico que conecte a comunidade co seu entorno mariñeiro desde unha perspectiva artística e contemporánea.
O concurso enmárcase dentro da aposta estratéxica do Concello pola valorización do patrimonio marítimo-pesqueiro local, coa intención de converter o molde do farode Burela nun novo punto de interese cultural e turístico para a vila, que sirva como ferramenta de interpretación da relación histórica entre dito municipio e o mar.
“Con esta intervención, damos un paso máis na nosa aposta por facer do faro algo máis que unha estrutura arquitectónica; queremos que se converta nun espello da nosa memoria mariñeira”, afirmou a alcaldesa de Burela, Carmela López.
Asi, dende o concello consideran “importante apoiar proxectos artísticos que poñan en valor a identidade local e contribúan a construír espazos comúns de expresión e reflexión para a veciñanza”, explicou a alcaldesa.
O proxecto ‘Burela Alumea – O Espello do Faro’ conta co financiamento do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro A Mariña – Ortegal, en colaboración coa Consellería do Mar, a través da xestión do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).