• Galego
  • Español

O alcalde de Burela recibe a Lola Muñoz, porteira do Pescados Rubén, tras proclamarse subcampioa de España

Alfredo Llano e Ramiro Fernández realizaron unha recepción institucional para trasladarlle os parabéns e destacar o seu mérito deportivo con tan só 13 anos 

Muñoz xogou un papel clave no equipo converténdose na subcampioa xunto coa selección galega no campionato estatal infantil

Desde o concello felicitaron á xoven deportista, así como ao Pescados Rubén FS 
por crear unha boa canteira e ao equipo da selección galega pola súa 
actuación impecable na final


Burela, 27 de abril de 2022.-  O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o tenente de alcalde, Ramiro Fernández, recibiron á futbolista Lola Muñoz tras proclamarse subcampioa xunto coa selección galega no campionato estatal infantil celebrado este mes en Salou.

Desde o Concello de Burela realizaron unha recepción institucional á porteira do Pescados Rubén Burela FS, que con tan só 13 anos, xa destaca no fútbol sala autonómico, sendo “un orgullo para todos nós este logro co que volve a Burela”, afirmou o rexedor.

Na final do campionato fronte á selección catalana, Muñoz tivo unha actuación destacada con Galicia, parando un penalti e recibindo o recoñecemento por parte de dous gardametas referentes no fútbol sala mundial como son Paco Sedano e Luis Amado.

Alfredo Llano e Ramiro Fernández fixeron entrega á futbolista dun agasallo institucional e déronlle os parabéns “por todo o sacrificio e os adestramentos, que agora vense recompensados con este excelente resultado do que todos sentimos orgullo”. Ademais, sinalaron “o importante que é apoiar o deporte feminino e ver como rapazas tan novas como Lola Muñoz xa son referencia para o deporte en Burela, especialmente para todas as nenas e nenos que poden ver nela un exemplo a seguir de traballo e esforzo para conseguir todas as metas que unha persoa se propoña”.

Finalizaron a recepción augurando “moitos éxitos” para a gardameta e trasladando o apoio non só do concello, senón de todo o pobo de Burela para continuar con esta senda “tan impecable como meritoria”.