• Galego
  • Español

Monitoras do Centro Gaia de Burela realizan actividades de reciclaxe no Ceip Virxe do Carme para traballar os valores medioambientais coas nenas e nenos de infantil

Visitaron o colexio esta semana cunha pequena actuación de maxia nomeada “As magas da reciclaxe”

O obxectivo da formación é que o alumnado de infantil aprenda a reciclar, concretamente no contedor azul

O luns estiveron na aula de 6º de infantil, e mañá mércores visitarán as de 4º e 5º 


Burela, 26 de abril de 2022.-  O Centro de Educación Medioambiental Gaia, dependente da área de Medio Ambiente do Concello de Burela, está a realizar actividades de concienciación e traballo dos valores medioambientais para nenas e nenos.

Este luns, as monitoras de Gaia realizaron unha pequena actuación de maxia nomeada “As magas da reciclaxe” para o alumnado de 6º de infantil do Ceip Virxe do Carme de Burela. O obxectivo desta acción é a de aprender a reciclar, especialmente no contedor azul. 

Con esta representación pretenden que os máis pequenos saiban o que se bota neste contedor, é dicir, envases de papel e de cartón, dun xeito máis dinámico e orixinal que facilite a adquisición e a integración de hábitos respectuosos co medio. 

As aulas de 4º e 5º de infantil do mesmo centro terán esta pequena acción mañá, mércores, con contidos adaptados á súa idade nunha aposta da delegación e o centro por concienciar á poboación desde idades temperás en valores medioambientais e na importancia de non danar á natureza e coidar e conservar os recursos existentes.