• Galego
  • Español

MAÑÁ, VENRES, TARABELA TEATRO CHEGA Á CASA DA CULTURA DE BURELA CON TABÚ

Mañá, 10 de marzo, ás 21:00 horas no auditorio da Casa da Cultura terá lugar o espectáculo Tabú, de Tarabela Teatro. Esta actividade enmárcase dentro das programadas pola Concellería de Muller e Igualdade para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Tabú é o novo espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, no Morrazo, no Courel, na Mariña Lucense, na Costa da Morte e no Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.

Trátase dun show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú. Un tendal para poñer ao clareo todas as intimidades.

A representación está recomendada para público xuvenil-adulto (máis de 13 anos) e con entrada de balde.

A concelleira de Muller de Igualdade anima a asistir “á Casa da Cultura mañá, venres, para escoitar as mensaxes desas mulleres, para entender o que loitaron e o que conseguiron. E para concienciarnos de que aínda queda moito por facer para chegar á igualdade total entre mulleres e homes”.