• Galego
  • Español

Malasombra Producciones chega á Casa da Cultura de Burela co espectáculo familiar Dedín, Dedín, Dedal

Burela, 27 de abril de 2026. Burela acollerá este sábado 2 de maio, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura, o espectáculo Dedín, dedín, dedal, unha proposta familiar de Malasombra Producciones a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) dirixida aos máis pequenos e pequenas da casa.

Trátase dun espectáculo musical e teatral pensado para enredar, rir e bailar, no que a palabra, os xogos, os contos e as cantigas son os protagonistas. A peza foi creada por Andrea Bayer e Óscar Ferreira (BAOBAB Teatro) para Malasombra, que apostan por unha proposta escénica centrada no público infantil e familiar.

A autoría e dirección corren a cargo de Andrea Bayer e Óscar Ferreira, quen tamén se encarga da escenografía. O deseño de son é de Brais Iriarte e Andrea Bayer, mentres que a iluminación está a cargo de Xoque Carbajal. O vestiario vén da man de Diego Valeiras, a música de Brais Iriarte e Andrea Bayer e o elenco artístico está formado por Brais Iriarte e Patricia Rodríguez.

As entradas teñen un prezo de 3 euros e poderán adquirirse no despacho de billetes unha hora antes do comezo da función.