• Galego
  • Español

Máis de 2.300 persoas pasaron pola Oficina de Turismo de Burela no mes de xullo

A concellería de Turismo fai balance dos datos que deixaron os principais atractivos turísticos da localidade ao longo do mes de xullo

A ocupación hostaleira e a participación nas rutas xeolóxicas foi en ambas practicamente dun 100%, e as visitas ao Barco Museo aumentaron nun 23% con respecto ao ano pasado

Desde o Concello destacan os datos á alza, cun incremento no turismo e na hostalería e cunha previsión moi boa para o mes de agosto, que terá un impulso esta fin de semana coa Feira do Bonito
 

Burela, 4 de agosto de 2022.-  A Delegación de Turismo do Concello de Burela vén de facer balance dos datos do pasado mes de xullo destacando as 2.361 persoas que fixeron consultas na Oficina de Turismo, o que supón un incremento do 38% con respecto á anualidade anterior.

Participaron da Ruta da Conserveira un total de 309 persoas, e foron 527 as visitas á Lonxa. O Barco Museo “Reina del Carmen” recibiu 1.116 visitas no mes de xullo, un 23% máis que no ano 2020, non só recuperando a normalidade senón superando as expectativas do goberno local.

As rutas xeolóxicas tamén supuxeron un grande atractivo para Burela, cubrindo as prazas case ao 100%. Pola súa banda, os hoteis e pisos turísticos tamén tiveron unha ocupación practicamente do 100%, redundando positivamente na economía local e a creación de postos de traballo vinculados ao sector servizos.

O tenente de alcalde e edil delegado en materia turística, Ramiro Fernández, asegurou que “tivemos moito turismo nacional procedente de Madrid, País Vasco e Castela e León, principalmente, e tamén incrementou este ano o turismo estranxeiro”, polo que “celebramos o potencial turístico de Burela e recollemos os froitos de todo o traballo de visibilización, divulgación e información que se fai desde esta delegación”.

Ademais, unha das boas novas que destacan desde o executivo local é “que xa está a coller forza a ruta xacobea do Camiño do Mar, pois algúns peregrinos pasaron pola Oficina de Turismo a pedir o selo, que estreamos este ano”, unha alternativa latente que cada vez toma maior interese e polo que seguen a pedir a oficialidade.

O Concello de Burela pon de relevo estes “datos excelentes”, cunha previsión positiva para o mes de agosto, que contará cun grande impulso esta fin de semana coa celebración da Feira do Bonito e todas as actividades paralelas a nivel musical, gastronómico e artístico que enxalzan este produto e á propia localidade.