• Galego
  • Español

Información sobre a retirada e reposición do arborado nas obras de Arcadio Pardiñas

Burela, 5 de novembro de 2026. O Concello de Burela informa de que será necesario retirar e substituír os doce exemplares de arborado que o proxecto das obras de Arcadio Pardiñas, no tramo entre a rúa das Flores e Celso Emilio Ferreiro, prevía conservar.

Durante a retirada dos parterres atopáronse restos de materiais de construción baixo a superficie. Nestas condicións, as raíces das árbores desenvolvéronse lateralmente, sen dispoñer de suficiente profundidade no terreo.

Ao executar estes traballos resultaron afectadas parte desas raíces, o que compromete a estabilidade e a viabilidade dos exemplares. Esta circunstancia obriga a modificar a previsión inicial de mantelos e proceder á súa substitución.

O Concello comunica este cambio antes da retirada para que a veciñanza coñeza o motivo polo que este tramo quedará temporalmente sen o arborado existente.

Os doce exemplares serán substituídos por novas árbores, que se plantarán na época axeitada para favorecer o seu arraigamento. A selección das especies atenderá ás condicións desta rúa: a exposición ao nordés, o espazo dispoñible para o desenvolvemento das raíces, a proximidade das fachadas e a compatibilidade coas beirarrúas e cos servizos soterrados.

O novo arborado terá un porte adaptado ao espazo urbano, tendo en conta o tamaño que alcanzará na súa etapa adulta e a entrada de luz nas vivendas.

O Concello agradece á veciñanza e aos comercios da zona a paciencia e a colaboración durante os traballos, así como a comprensión ante as molestias que están a ocasionar as obras.