• Galego
  • Español

HOXE VOLVEU O MERCADO SEMANAL DOS MÉRCORES EN TORRENTES. ALFREDO LLANO CONSIDERA QUE SE IRÁ CONSOLIDANDO POUCO A POUCO, TRAS OS CAMBIOS REALIZADOS NA COLOCACIÓN DOS POSTOS PARA MELLORAR A FLUIDEZ DO TRÁFICO E DOS PEÓNS NESA ZONA.

Burela, 25 de febreiro de 2022. Hoxe volveu en Burela o mercado semanal dos venres en Torrentes. O alcalde, Alfredo Llano, considera que a cita se irá consolidando pouco a pouco, tras os cambios realizados na colocación dos postos para mellorar a fluidez do tráfico e dos peóns nesa zona.

O rexedor contou que “hoxe comezamos de novo coa instalación do mercado en Torrentes, despois de parar dous venres porque había que recolocar os postos dado que por unha serie de circunstancias pouco a pouco se foran apertando excesivamente nunha das rúas e por tanto había que deixar sitio para que puideran pasar vehículos e as persoas con fluidez”.

Llano subliñou que “esta redistribución dos postos deu lugar a unha nova cuadrícula de colocación, chamamos a cada un dos vendedores para dicirlles onde tiñan a súa ubicación e fóronse colocando. Hai moita demanda de vendedores para vir ao mercado de Burela e por tanto é lóxico que se estableza unha forma de colocar os postos. Estiven falando con representantes dos vendedores para chegar a acordos e escoitar as súas suxestións, e chegamos á conclusión de ir observando como podemos ir mellorando os diferentes lugares que hai en Torrentes para instalar os postos de venta”.

O alcalde de Burela agarda que “para o próximo venres xa estea moito máis normalizado e pouco a pouco vamos ir consolidando os postos para que o mercado sexa máis vistoso, que poida vir moita xente e que os clientes poidan pasar de maneira fluída e tranquilamente, ao igual que os vehículos, e todo con seguridade. Penso que imos conseguilo despois do contacto que tivemos cos vendedores para procurar entre todos ter un bo mercado, ben representativo e no que todos se sintan a gusto”.