• Galego
  • Español

Expomar celebrará as súas XXIX Xornadas Técnicas o 19 e 20 de maio de 2022

As XXIX Xornadas Técnicas de Expomar celebraranse entre a tarde do xoves 19 e a mañá do venres 20 de maio no Porto do Burela


Burela, 6 de maio de 2022.-  A Fundación Expomar celebrará unha nova edición das súas Xornadas Técnicas e Encontro Empresarial entre 19 e 20 de maio de novo nun escenario marcado polas dificultades e desafíos que ten que afrontar o sector pesqueiro nunha época de diferentes crises que lle afectan directamente. 

O foro será como sempre aberto ao público no salón de actos da confraría de pescadores de Burela e terá lugar entre as 16:30 h e as 19:30 h do xoves 19 de maio e as 10:30 h e as 13:30 h do venres 20. As xornadas tamén se poderán seguir a través dunha plataforma en liña desde a web www.expomar.com. 

As Xornadas Técnicas 2022 contarán coa participación da conselleira do mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, que inaugurará o evento acompañada polo presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano. 

A primeira xornada titúlase “Xestión pesqueira e mercado europeo” e contará coas intervencións de Javier Garat, secretario xeral de CEPESCA e presidente de Europêche; Ignacio Gandarias Serrano, director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do MAPA; Daniel Voces, director de Europêche; Pedro Reis, secretario do Consello Consultivo de Mercados MAC. Esta primeira sesión estará moderada polo secretario xeral do Comité Consultivo de Pesca de Augas Afastadas LDAC, Álex Rodríguez. 

A segunda xornada celébrase baixo o título “Sustentabilidade, saúde e comportamentos de compra” e contará coas intervencións de Cristina Cucullo, mánager da área de consumidor de KANTAR; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela; e Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC, membro da Sociedade Española Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón. Esta segunda sesión estará dirixida pola secretaria adxunta de CEPESCA, Rocío Béjar. 

A clausura das Xornadas Técnicas 2022 correrá a cargo da secretaria xeral de pesca marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz. 

ENCONTRO EMPRESARIAL 

Pola súa banda, e previamente á celebración das Xornadas, o xoves 19 de maio pola mañá celebrarase o XXIII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que reúne cada ano ás entidades máis representativas da frota galega e ás asociacións profesionais do sector pesqueiro a nivel nacional. 

A reunión dos representantes da frota volverá celebrarse de maneira presencial, esta vez na sala de reunións do restaurante A Lonxa con vistas cara ao porto de Burela, entre as 10:00 h e as 14:00 h. Ao finalizar o evento, como cada ano, faranse públicas as conclusións tomadas durante a reunión. 

A Fundación Expomar aposta decididamente polo mar non só coa celebración das xornadas técnicas ou o encontro empresarial, senón con outra serie de accións de apoio ao sector pesqueiro. Estes últimos anos dirixíronse especialmente cara ao ámbito da saúde e o consumo de peixe, por exemplo as xornadas sobre nutrición “Come San, Come Peixe” en decembro de 2021 ou as xornadas de nutrición e saúde mental “ Mens Sa in Corpore San”, en abril de 2022. 

As Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial están promovidos pola Fundación EXPOMAR, en colaboración coa Deputación de Lugo e Afundación Obra Social Abanca, e financiadas polo GALP A Mariña Ortegal.