Comunicado sobre as obras de accesibilidade en edificios privados
Burela, 27 de abril de 2026. Igual que non financia ascensores privados, o Concello de Burela tampouco paga ramplas de acceso en inmobles particulares. O Concello facilita o uso do espazo público cando a accesibilidade non pode resolverse técnicamente no interior do portal, pero en ningún caso asume o custo da obra
A alcaldesa de Burela, Carmela López, quixo aclarar publicamente a interpretación errónea trasladada nos últimos días arredor das obras de accesibilidade en edificios privados, lembrando que a administración municipal non ten nin a competencia nin o encaixe legal para asumir economicamente a construción de ramplas de acceso en portais particulares, do mesmo xeito que tampouco financia a instalación de ascensores.
A rexedora sinala que se trata dun asunto importante para moitas familias, pero considera necesario deixar claro que unha necesidade privada non converte automaticamente esa actuación nunha obriga económica do Concello.
“A accesibilidade é unha prioridade e hai que buscar solucións, por suposto. Pero estamos falando da entrada a un edificio privado, dun elemento común dunha comunidade de propietarios. Igual que o Concello non paga a derrama dun ascensor, non pode pagar tampouco a derrama dunha rampla de acceso”, indica.
Carmela López explica que a normativa básica en materia de accesibilidade vén determinada polo Código Técnico da Edificación, de carácter estatal, así como pola normativa autonómica de desenvolvemento, e ambas establecen que a primeira obriga de adaptación accesible corresponde aos propietarios e comunidades de veciños dos inmobles privados.
“Iso significa que a comunidade ten a responsabilidade de promover e asumir economicamente a solución que corresponda: sexa unha rampla, unha plataforma elevadora ou un ascensor. O Concello non pode destinar diñeiro público a executar unha obra que forma parte dunha propiedade privada”, subliña.
A alcaldesa detalla que a normativa establece que esa solución debe buscarse sempre en primeiro lugar dentro da propia propiedade privada, é dicir, da porta do edificio cara ao interior, tratando de encaixar a adaptación no portal ou nos espazos comúns do inmoble.
Só no caso de que tecnicamente quede acreditada a imposibilidade material de executar esa adaptación dentro do edificio, pode estudarse unha solución exterior, usando o espazo público para que esa accesibilidade poida facerse viable.
“Neses supostos o Concello analiza cada situación cos servizos técnicos e facilita espazo público. Pero unha cousa é colaborar e facilitar, e outra moi distinta asumir con fondos municipais unha obra que é privada”, explica.
A rexedora fai ademais un chamamento ao rigor á hora de trasladar este tipo de demandas á opinión pública.
“Antes de xerar confusión, convén coñecer ben que di a normativa e que responsabilidades ten cada parte. Estamos falando dunha cuestión seria e hai que abordala con información e con sentido común”, conclúe.
Desde o Concello de Burela reiteran a súa disposición a asesorar e estudar todos aqueles casos nos que existan dificultades de accesibilidade, ofrecendo acompañamento técnico ás comunidades de propietarios para intentar facilitar a mellor solución posible en cada situación.