• Galego
  • Español

Comezan os traballos de rehabilitación do muro situado na antiga conserveira para dar continuidade ao proxecto Burela-IN

Na segunda anualidade do proxecto, a Confraría de pescadores cedeu o muro ao Concello para esta actuación subvencionada polo GALP

Acondicionarase a parede para realizar un mural da man de Martín Lestao e Belén Mogo, artistas locais gañadores do concurso artístico Burela-IN

O principal obxectivo do proxecto é o de promover a integración social, contribuíndo a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira, para o que se fomenta a colaboración entre sector pesqueiro, entidades de inclusión e concello


Burela, 29 de abril de 2022.-  O Concello de Burela, a través da súa delegación de Mar, informa de que xa está en marcha a obra de rehabilitación do muro da antiga conserveira, na rúa do Berbés, cedido para o Concello pola Confraría de pescadores co fin de realizar o proxecto Burela-IN, subvencionado polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP).

A concelleira de Mar, Carmela López, explicou que “a obra consiste en acondicionar esta parede para facer un mural co proxecto gañador no concurso artístico Burela-IN da man dos artistas locais Martín Lestao e Belén Mogo, aos que lles agradecemos non só a súa proposta, senón o seu grao de implicación e compromiso coa iniciativa”.

Ambos artistas xa se atopan traballando no taller para confeccionar algunhas partes do mural, que reflicte o carácter mariñeiro da vila, no que se empregarán materiais en desuso como redes e gres. Para iso, ao abeiro da parte artística do proxecto Burela-IN, visitaron en semanas pasadas a antiga fábrica de gres, onde seleccionaron restos de material, así como a nave de redeiras, onde puideron inspirarse en canto ás artes de pesca.

Neste senso, López amosouse satisfeita coa “colaboración de todas as entidades implicadas no proxecto Burela-IN, que aglutina ao sector pesqueiro, entidades de inclusión e concello, contando ademais con outras aportacións como a da Asociación Tá en Artes e Neira Brochs, que se sumaron nesta iniciativa social, artística e de economía circular”. “Nesta segunda anualidade establecemos dúas liñas de traballo, por unha banda a rehabilitación do muro da antiga conserveira, e por outra, unha mostra itinerante que vai liderar a Asociación A Mariña sen plástico, e da que iremos dando máis información”.

Burela-IN

O proxecto promove a integración social, contribuíndo a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira, nomeadamente de Burela. Foméntase con ese fin a colaboración entre o sector pesqueiro, entidades de inclusión e o Concello, deseñando un plan de economía circular, que se centra no aproveitamento dos recursos ou refugallos das actividades pesqueiras para darlles unha segunda vida.

Articúlase así un traballo en rede desde a perspectiva da integración social e a nivel municipal, incluíndo confrarías e outras entidades do sector pesqueiro con asociacións de inclusión, así como colectivos sociais, culturais, ambientais, etc.  

Veñen deseñando en conxunto diferentes programas e actividades, como o concurso artístico Burela-IN para o arte mural con materiais reciclados do sector pesqueiro, ou a que se ten prevista realizar nesta anualidade, traballando na creación dunha mostra itinerante que conciencie sobre a problemática dos plásticos no mar.