Comezan as obras de renovación do parque infantil do Campón en Burela
- O Concello iniciou as obras de substitución do pavimento e dos elementos de xogo cun investimento de máis de 48.000 euros
Burela, 26 de marzo de 2026. O Concello de Burela iniciou as obras de renovación do parque infantil do Campón, unha actuación coa que se mellorará este espazo de lecer situado na contorna do Hospital Público da Mariña e próximo a varios centros educativos, nunha zona moi frecuentada por familias e pola veciñanza da parte alta do municipio.
A obra foi visitada onte pola alcaldesa de Burela, Carmela López, xunto co concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, e o encargado de obras quen comprobaron o avance dos traballos e salientaron a importancia desta actuación para mellorar a seguridade e a accesibilidade do parque.
Os traballos consisten na substitución do pavimento existente e na renovación dos elementos de xogo do parque. Segundo explicou o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, trátase dun espazo “no que os elementos estaban bastante deteriorados”, polo que a súa renovación era unha das actuacións prioritarias.
A actuación permitirá retirar o pavimento actual e substituílo por unha nova superficie de caucho, máis segura e adaptada ás necesidades deste tipo de instalacións. Ademais, renovarase completamente a zona de xogos coa instalación de novos elementos pensados para diferentes idades.
Entre as novidades destaca a incorporación dun conxunto de torres, pasarelas, escaleiras e tobogáns, que configurarán o principal elemento de xogo do parque. Tamén se instalará un columbio mixto, así como un balancín destinado aos nenos e nenas máis pequenos.
Outra das novidades será a colocación de tres trampolíns circulares integrados no chan. Segundo indicou Fernández, trátase “dun xogo que non tiñamos ata agora en Burela e que pensamos que pode resultar atractivo para os nenos”.
O concelleiro explicou que a superficie do parque é limitada, polo que o proxecto foi deseñado tratando de aproveitar o espazo dispoñible da mellor maneira posible e incorporar distintos elementos de xogo sen saturar a zona.
Fernández destacou tamén que esta actuación permitirá reforzar a oferta de áreas infantís nun punto estratéxico da vila, xa que o parque do Campón dá servizo á contorna do hospital, aos centros educativos próximos e á zona alta de Burela.
Neste sentido, lembrou que a renovación deste espazo responde tamén a unha petición trasladada polos residentes da zona e que “finalmente van ver cumprida”, sinalou.
Coa actuación, o Concello busca continuar mellorando os espazos públicos da vila. Tal e como indicou o concelleiro, o obxectivo é “que as áreas de xogo estean no mellor estado posible e seguir mellorando os espazos públicos de Burela, pois é unha prioridade absoluta deste equipo de goberno”.