Comeza o curso “Iniciación ao mundo dixital” na aula Cemit de Burela
- A programación continuará nas vindeiras semanas con formacións sobre banca dixital, ocio en liña e creación de contidos con intelixencia artificial
Burela, 25 de febreiro de 2026. A Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional do Concello de Burela iniciou este luns o primeiro dos catro cursos de formación dixital programados para as vindeiras semanas.
A formación Iniciación ao mundo dixital, que se está a desenvolver ao longo desta semana, ofrece ás persoas participantes unha aproximación práctica ao uso básico das tecnoloxías. Durante as sesións abórdanse cuestións como o manexo de dispositivos móbiles, a navegación por internet, o uso do correo electrónico e outras ferramentas dixitais presentes no día a día.
O curso continuará ata finais de semana, completando así esta primeira proposta formativa do programa “Yo conecto”, que terá continuidade nas próximas datas con novas accións centradas en diferentes ámbitos do entorno dixital.
Unha vez finalizada esta primeira formación, a programación continuará do 2 ao 5 de marzo coa proposta A túa banca dixital. Compras seguras en liña, centrada no uso seguro da banca electrónica e das compras por internet; posteriormente impartirase Ocio dixital: apps para disfrutar, do 9 ao 12 de marzo, dedicada ás aplicacións e recursos dixitais de lecer; e pechará o ciclo o curso Crea contido coa Intelixencia Artificial, no que se abordarán ferramentas actuais para a xeración de contidos mediante IA, do 16 ao 19 de marzo.