• Galego
  • Español

CARMELA LÓPEZ E NOELIA EIJO RECLAMARON A CREACIÓN DE PRAZAS CONCERTADAS PARA O CENTRO DE DÍA DA FUNDACIÓN EU SON. ASÍ LLO EXPUXERON ESTA MAÑÁ EN SANTIAGO AO DIRECTOR XERAL DE MAIORES E PERSOAS CON DISCAPACIDADE.

Burela, 15 de febreiro de 2022. A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, e a directora da Fundación Eu Son, Noelia Eijo, mantiveron esta mañá un encontro en San Caetano co director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, ao que lle reclamaron a creación de prazas concertadas para o centro de día da devandita Fundación.

A concelleira de Servizos Sociais explicou que “o que quixemos foi amosarlle a nosa preocupación e inquedanza, porque xa son dez anos nos que o centro de día da Fundación Eu Son non conta coas tan necesarias prazas concertadas para que este sexa sostible economicamente”.

Carmela López manifestou que “estes dous últimos anos en concreto, e como consecuencia da situación sanitaria, na que o centro ao non ter este tipo de prazas, se viu excluído de calquera tipo de axuda. É o centro ocupacional o que o mantén en funcionamento”.

A concelleira de Servizos Sociais dixo que “despois de varias solicitudes e reunións nestes últimos dous anos o balance que podemos facer do encontro é positivo. A xuntanza foi cordial, o que agardamos é que se teñan en conta as necesidades tan importantes que ten a Fundación Eu Son para prestar o mellor servizo posible aos seus usuarios e usuarias”.

López engadiu que “o director xeral valora o labor da Fundación Eu Son estes anos e comparte as necesidades e as dificultades que este centro ten hoxe en día para sosterse economicamente. Por iso mostrou interese ante a reiterada petición por parte desta concelleira e da directora da Fundación Eu Son”.

A edil indicou que “tamén lle trasladamos ao director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade a firme intención do Concello de crear en Burela unha residencia para persoas con discapacidade intelectual, seguindo o novo modelo residencial, xa que o consideramos vital para que os usuarios da comarca poidan manter unha calidade de vida digna sen desarraigarse da súa contorna. Fernando González facilitounos información e os pasos a seguir de cara a solicitar as subvencións necesarias para levala a cabo”.