• Galego
  • Español

Burela reforza a súa oferta turística cunha programación centrada no mar, o patrimonio natural e a observación de aves migratorias

  • O Concello incorpora unha nova ruta de observación de aves migratorias e mantén as propostas consolidadas arredor do mar e o patrimonio natural

Burela, 4 de xullo de 2025. O Concello de Burela reforza a súa oferta turística para este verán cunha programación centrada na cultura mariñeira e nos recursos naturais do municipio. As rutas turísticas, xa activas, ofrecen diferentes opcións para coñecer o territorio desde perspectivas diversas, sempre co mar como fío condutor e sinal de identidade.

Entre as propostas destacan as rutas xa consolidadas, como as Rutas Xeolóxicas, que permiten descubrir a riqueza xeolóxica da contorna  e a Ruta do Peixe, que inclúe a visita á lonxa e a posibilidade de presenciar en directo a poxa do peixe, dacordo co concelleiro de turismo, Ramiro Fernández, “un elemento diferencial con respecto ao resto de experiencias”.

Como novidade, este ano incorpórase unha ruta de observación ornitolóxica, aproveitando o paso migratorio de distintas especies de aves por Burela. “Trátase dunha oportunidade singular e que está a espertar gran interese entre o público", explicou o edil.

Ademais, continúase coa promoción do Barco Museo Reina del Carmen, un dos recursos turísticos máis singulares da Mariña, que ofrece unha visión directa da vida mariñeira e da tradición pesqueira local.

“Aproveitar para agradecer, unha vez máis, a todos os colectivos que colaboran con nós, neste caso tanto a Moncloa como ABSA, na potenciación turística de Burela. Entre todos, facendo equipo, vamos a máis, só hai que ver os datos que cada vez van a mellor”, concluíu  o concelleiro.