Burela propón unha fin de semana de teatro e cultura para todos os públicos
Burela, 20 de abril de 2026. O venres 24 e o sábado 25 de abril o Auditorio Municipal acollerán dúas propostas escénicas, con teatro para público adulto e unha función familiar para nenas e nenos a partir de 2 anos
O venres 24 de abril ás 21.00 horas terá lugar a representación de Os dous de sempre, unha produción de MOFA & BEFA coa dramaturxia de Carme Varela e dirección de Quico Cadaval. O espectáculo conta no elenco con Evaristo Calvo, Víctor Mosquera e Josito Porto. Esta función está promovida pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), está recomendada para maiores de 13 anos e terá un prezo de entrada de 5 euros. As entradas estarán dispoñibles no despacho de billetes unha hora antes do comezo da función.
Pola súa banda, o sábado 25 de abril ás 18.00 horas, será a quenda do espectáculo familiar A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza, da compañía Xanela de Maxín, dirixido a público infantil e familiar a partir de 2 anos.
A obra presenta a historia dunha toupiña que, tras sufrir un incidente ao saír do seu tobo, inicia unha investigación pola granxa para descubrir que animal foi o responsable. Ao longo do percorrido atoparase con diferentes personaxes nunha sucesión de situacións con humor e sorpresa.
As entradas para este espectáculo están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.
Dende o Concello de Burela sinalan que esta programación contribúe a ampliar a oferta cultural do municipio e a favorecer o acceso á cultura para diferentes públicos.