Burela presenta os novos traballos contra a discriminación racial nun encontro participativo na Casa do Concello
- A xuntanza celebrada este venres reuniu a veciñanza e persoas usuarias de distintas entidades sociais para compartir creacións arredor da igualdade e a diversidade
Burela, 28 de marzo de 2026. O Concello de Burela, a través da Área de Inmigración, celebrou unha xuntanza participativa enmarcada na programación organizada con motivo do Día Internacional contra a Discriminación Racial. Durante o encontro déronse a coñecer os traballos deste ano 2026 realizados dentro desta iniciativa municipal, que recollen creacións en distintos formatos centradas na loita contra o racismo, a promoción da diversidade cultural e a defensa do respecto e a convivencia intercultural.
O acto, celebrado no salón de plenos, contou coa participación de público xeral e persoas usuarias da Fundación Eu Son, Saúde Mental A Mariña e Cruz Vermella, que compartiron as súas propostas e reflexións nun espazo aberto de intercambio de experiencias.
Os traballos presentados durante a xuntanza incorporaranse á exposición que se pode visitar na Casa da Cultura ata o vindeiro 10 de abril, unha mostra que recolle unha selección de creacións realizadas en edicións anteriores arredor da loita contra a discriminación racial e a favor da convivencia intercultural, con participación de veciñas e veciños de distintas idades e procedencias.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, agradeceu a participación dos asistentes e engadiu que “foi unha experiencia marabillosa poder compartir cos asistentes os seus traballos e reflexións, escoitar os seus puntos de vista e gozar xuntos e xuntas dun momento tan especial por unha causa tan importante”.
Segundo explicou o concelleiro, a programación municipal continuará nas vindeiras semanas con actividades dirixidas aos centros educativos, entre as que se inclúen propostas como a “Oca Inmigrante e a visita dunha persoa referente no ámbito das migracións, que compartirá a súa experiencia vital co alumnado”.