• Galego
  • Español

Burela prepárase para acoller o Festival de Cabo a Cabo

  • A xornada reunirá música, deporte, gastronomía e creación artística en distintos espazos públicos da vila con motivo do partido entre España e Cabo Verde do Mundial 2026

Burela, 11 de xuño de 2026. Burela ultima os preparativos para celebrar o Festival De Cabo a Cabo, unha proposta impulsada pola Deputación de Lugo, o Concello de Burela, a Asociación Cultural Fanto Fantini e coa dirección creativa de Anxo Ferreira que converterá a vila nun espazo de encontro arredor da música, o deporte, a gastronomía e a creación artística o vindeiro luns, 15 de xuño.

A programación desenvolverase en diferentes puntos do municipio, principalmente na praza da Mariña, a praia do Portelo, o parque Rosalía de Castro e a praza de Abastos.

Ao longo da tarde e da noite sucederanse os concertos, as actividades deportivas, as degustacións gastronómicas e as intervencións artísticas nunha xornada que reunirá diferentes propostas culturais e comunitarias vinculadas á realidade multicultural de Burela.

Programación musical e actividades durante toda a xornada

A praza da Mariña será o principal punto de encontro do festival e acollerá dende as 15:00 horas a programación musical e a retransmisión do encontro entre España e Cabo Verde. A xornada arrancará co concerto de Saya entre as 15:00 e as 16:15 horas. A continuación, entre as 16:15 e as 17:45 horas, será a quenda de Baiuca DJ Set, antes da retransmisión do partido, prevista entre as 17:45 e as 20:00 horas.

Continúan as actuacións musicais con Batuko Tabanka, entre as 20:00 e as 20:50 horas; DJ Danifox, entre as 20:50 e as 22:00 horas; e DJ Kandole, que pechará a programación entre as 22:00 e as 23:30 horas.

De maneira paralela, entre as 16:00 e as 17:00 horas desenvolveranse as actividades deportivas previstas no festival, cun torneo de fútbol 3x3 na pista do Parque Rosalía de Castro e fútbol praia na Praia Urbana. Ademais, arredor das 17:30 horas comezará a degustación gastronómica con propostas de Senegal, Cabo Verde e Perú.

O festival contará tamén cunha instalación artística da man de Alicia Alonso, que estará na praza de Abastos, nas porterías da praia do Portelo e na praza da Mariña.