Burela ofrece rutas gratuítas de caiac na Praia do Portelo este mes de agosto
Burela, 20 de agosto de 2025. O Concello de Burela está a desenvolver este mes unha actividade de promoción deportiva e turística que consiste en rutas gratuítas de caiac na Praia do Portelo, na zona urbana da localidade. A primeira das xornadas tivo lugar o pasado 7 de agosto, e agora quedan por diante as sesións previstas para os domingos 24 e 31 deste mes.
A proposta “está dirixida tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e poñer en valor o litoral burelés”, explicou o concelleiro de mar e turismo, Ramiro Fernández.
Os caiacs sitúanse na area da praia, nun espazo delimitado, e o seu uso é rotatorio baixo a supervisión de monitores titulados, que velan pola seguridade das persoas participantes. Cada sesión terá unha duración de tres horas, desenvolvéndose en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
O concelleiro de Mar e Turismo, Ramiro Fernández, subliñou que esta iniciativa “é unha oportunidade perfecta para gozar do noso mar dun xeito seguro e divertido, ao tempo que damos a coñecer a beleza da nosa costa a quen nos visita”, concluíu.