Burela iniciará a principios de agosto unha prospección xeofísica na Punta do Cabo
- A alcaldesa manterá este mércores 15 de xullo unha reunión informativa coas veciñas e veciños da contorna para explicar os traballos previstos
Burela, 13 de xullo de 2026. O Concello de Burela iniciará entre os días 3 e 7 de agosto a primeira fase da prospección xeofísica prevista na zona da Punta do Cabo, unha actuación que permitirá explorar e cartografar este espazo mediante técnicas non invasivas co obxectivo de dispor de información para caracterizar a estrutura e extensión do castro de Cabo, inexplorado ata a data con metodoloxía científica. Os traballos contan xa co permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, mentres continúan os trámites para a autorización dos voos de dron previstos nesta primeira fase.
A alcaldesa convocou unha reunión informativa coas veciñas e veciños dos terreos da contorna, que terá lugar o mércores 15, ás 19.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello na que tamén participará a asociación A Mariña Patrimonio.
Segundo o proxecto, esta primeira fase desenvolverase exclusivamente mediante técnicas non invasivas, polo que non se prevé ningunha alteración do terreo. Os traballos consistirán na colocación de pequenas estacas de madeira, duns cinco centímetros de profundidade, para xeorreferenciar os puntos de estudo, así como na realización dunha prospección xeofísica e de voos de dron para a recollida da información necesaria.
En función dos resultados que se obteñan nesta primeira intervención, valorarase a posta en marcha dunha segunda fase de traballos. Nese caso empregaríase un equipamento de maior tamaño, aínda que tampouco está previsto que produza alteracións no terreo.
A finais do pasado mes de febreiro a alcaldesa asinou o contrato para desenvolver esta actuación, que foi adxudicado á Agencia Estatal Consejo Superior de Investigaciones Científicas, M. P., por 12.947,21 euros. Dende entón, avanzouse na tramitación das autorizacións necesarias e no contacto coas persoas propietarias dos terreos, xa que para executar a prospección é preciso acceder ás parcelas e realizar algunhas tarefas de limpeza. A maior parte da veciñanza xa foi informada, aínda que a reunión convocada para este mércores servirá tamén para chegar ás persoas coas que aínda non foi posible contactar directamente e explicar a intervención.