Burela inaugura unha exposición sobre a loita contra a discriminación racial con traballos da veciñanza
- A mostra poderá visitarse até o 10 de abril na Casa da Cultura en horario de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas
Burela, 21 de marzo de 2026. O Concello de Burela inaugurou onte na Casa da Cultura unha exposición que recolle máis dunha década de traballo da veciñanza arredor do Día Internacional contra a Discriminación Racial. A mostra forma parte da programación municipal vinculada ao 21 de marzo e permanecerá aberta ao público até o 10 de abril.
A exposición reúne obras realizadas por persoas de distintas idades e procedencias que participaron, ao longo dos anos, nos concursos organizados con motivo desta conmemoración. O percorrido estrutúrase de maneira cronolóxica dende 2014 ata 2025, con excepción do ano 2020, no que non se levou a cabo a actividade debido á pandemia.
Durante o acto inaugural, o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou o valor das achegas realizadas pola cidadanía. Segundo indicou, a exposición pretende “recoñecer o traballo que moitas persoas de Burela foron desenvolvendo ao longo destes anos, no que cada obra transmite unha mensaxe en favor da convivencia e do respecto”.
A mostra inclúe creacións en diferentes formatos, así como un vídeo presentado na edición de 2024, accesible a través dun dispositivo instalado na sala. Ademais, as obras máis recentes responden a un formato libre e aberto, adoptado nas últimas edicións co obxectivo de favorecer a expresión individual sen limitacións.
No marco desta programación, o Concello organizará tamén unha xuntanza aberta á veciñanza o vindeiro 27 de marzo ás 12:00 horas no Salón de Plenos, na que se recibirán achegas de todas as persoas que desexen presentar traballos relacionados coa loita contra a discriminación racial.
Dende o Concello subliñan que estas actividades forman parte dunha liña de traballo continuada ao longo do ano en materia de sensibilización e promoción da multiculturalidade no municipio.