Burela, etapa do Camiño do Mar
- A iniciativa, promovida pola Asociación de Amigos do Camiño do Mar e a OPP de Burela, combina a promoción da ruta coa divulgación das especies pesqueiras capturadas no porto burelao
Burela, 19 de outubro de 2026. O concelleiro de Turismo de Burela, Ramiro Fernández, recibiu onte na igrexa da Vila do Medio un grupo de arredor de 40 peregrinos que fixeron o Camiño do Mar, unha iniciativa promovida pola Asociación de Amigos do Camiño do Mar e a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP).
O grupo realizou o percorrido desde a igrexa de Fazouro ata a igrexa da Vila do Medio, onde Ramiro Fernández lles deu a benvida, lles explicou a historia do templo e asinou as credenciais correspondentes á etapa.
Esta iniciativa busca promover o Camiño do Mar e, ao mesmo tempo, dar a coñecer as especies de peixe que se capturan no porto de Burela. Ao remate da actividade, as persoas participantes puideron degustar produtos do mar da lonxa de Burela.
O concelleiro de Turismo agradeceu o traballo que está a desenvolver a Asociación de Amigos do Camiño do Mar para impulsar e divulgar esta ruta de peregrinación.
Fernández explicou que Camiño do Mar xa conta co recoñecemento da Igrexa e permite obter a Compostela como acreditación da realización dun camiño de peregrinación a Santiago, mais a ruta aínda non dispón do recoñecemento oficial da Xunta de Galicia.
Desde o Concello de Burela explicaron que continuarán apoiando esta iniciativa e traballando para acadar o recoñecemento oficial da ruta que, segundo explicou o concelleiro, sería un importante impulso turístico para A Mariña.