Burela estrea un novo refuxio para gatos e recoñece o labor das persoas que coidan as colonias felinas
- O Concello reforza a atención aos gatos comunitarios coa instalación dunha nova casiña, a entrega de carnés ás persoas alimentadoras autorizadas e un kit de material para facilitar o seu traballo
Burela, 21 de outubro de 2026. O Concello de Burela segue comprometéndose coa protección e o benestar dos animais coa instalación dunha nova casiña destinada a acoller aos gatos dunha das colonias felinas do municipio. Este novo refuxio permitirá mellorar as condicións nas que viven estes animais, ofrecéndolles un espazo acondicionado e protexido, ao tempo que facilitará o labor das persoas que se encargan diariamente do seu coidado.
A iniciativa enmárcase no compromiso municipal coa xestión ética das colonias felinas e supón tamén un recoñecemento ao traballo que desenvolven a Protectora Bigotes e as persoas alimentadoras voluntarias. A súa implicación resulta fundamental para garantir a alimentación dos gatos, manter a limpeza dos espazos, detectar posibles problemas de saúde nos animais e colaborar nas campañas de esterilización.
Froito deste traballo conxunto, no que vai de ano xa se esterilizaron 34 gatas, recolléronse 26 gatos e conseguíronse realizar 28 adopcións. Estas actuacións contribúen a controlar a poboación felina, evitar camadas non desexadas e facilitar que os animais que poden ser adoptados atopen un fogar.
Como parte desta iniciativa, o Concello incorpora tamén un carné identificativo para as persoas alimentadoras autorizadas, co obxectivo de recoñecer o seu labor e facilitar a coordinación dos coidados das colonias felinas. Esta acreditación vai acompañada dun compromiso de actuación baseado en pautas comúns, como proporcionar auga limpa e fresca, utilizar preferentemente penso seco, manter en boas condicións hixiénicas os puntos de alimentación e comunicar a chegada de novos gatos ou a presenza de animais enfermos ou feridos. Hai que ter en conta que ao longo deste ano, foron 23 os felinos que faleceron, a maioría recollidos na rúa.
Ademais, as persoas colaboradoras contarán cun kit de apoio que inclúe penso, luvas, xel hidroalcohólico, unha pinza para retirar carrachas e unha libreta con bolígrafo para poder anotar posibles incidencias. Desta forma facilitaríanse as tarefas diarias e o seguimento das necesidades de cada colonia.
A instalación do novo refuxio e a incorporación destes recursos forman parte do Plan de Control e Xestión Ética de Colonias Felinas Urbanas de Burela, aprobado o pasado 27 de xullo e publicado no Boletín Oficial da Provincia o 3 de agosto de 2026. Este plan establece un marco de actuación para organizar a atención ás colonias felinas do municipio e aplicar o método CER (captura, esterilización e retorno), que permite controlar a reprodución dos gatos comunitarios e mellorar as súas condicións de vida.
Desde o Concello agradécese especialmente a dedicación da Protectora Bigotes e das persoas que colaboran de forma habitual no coidado destes animais, destacando a importancia da súa participación para avanzar cara a unha convivencia responsable e respectuosa.
Así mesmo, o goberno local anima á veciñanza a que respecte os refuxios e os puntos de alimentación habilitados, ademais de colaborar seguindo as indicacións municipais.
Con estas actuacións, Burela reforza o seu compromiso co benestar animal, a convivencia e o coidado responsable dos espazos públicos, ao tempo que pon en valor o traballo das persoas que fan posible, día a día, unha atención organizada e continuada ás colonias felinas do municipio.