• Galego
  • Español

Burela estrea mañá 'O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger', a nova coprodución teatral de Tarabela Creativa e o Concello de Burela

Burela, 8 de outubro de 2026.  A Casa da Cultura de Burela acollerá mañá venres, día 9 de outubro de 2026 ás 21:00 horas, a estrea de 'O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger', a nova proposta escénica de Tarabela Creativa, coproducida xunto co Concello de Burela.

Despois de meses de traballo e creación, a obra chega finalmente aos escenarios cunha proposta que mestura humor, memoria, identidade e investigación, a partir dunha historia familiar que conecta a vida do pai da autora, Carmen Conde, coa figura de Mick Jagger.

Ademais, Burela está a ser nestas semanas un dos espazos fundamentais do proceso de creación da peza. Todo o elenco leva tres semanas realizando unha residencia artística na Casa da Cultura, onde están a desenvolver os ensaios finais e dando forma á proposta que este venres verá a luz por primeira vez diante do público.

O pai de Carmen Conde traballou durante décadas como especialista en dactiloscopia da Policía Xudicial, resolvendo delitos a través das pegadas dixitais. A partir dos seus atestados e das historias que deixou atrás, a obra constrúe unha comedia na que aparecen bombas, carteiristas, estafadores, ladróns, leite tóxico de Chernóbil, capos hippies da marihuana e unha herdanza millonaria, nunha trama na que realidade e ficción se mesturan constantemente.

A proposta establece tamén unha conexión entre as vidas do pai de Carmen Conde e Mick Jagger, dúas figuras aparentemente afastadas que serven como punto de partida para construír un relato sobre unha época e sobre diferentes formas de entender a vida.

A peza está dirixida ao público adulto e conta con Carmen Conde, Fran Lareu e Xosé Manuel Esperante no elenco. A dirección corre a cargo de Avelino González, coa escenografía de Tarabela Creativa, deseño sonoro de Ezequiel Orol, iluminación de Dyango Pérez e vestiario de Natalia Otero.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destaca a satisfacción do Concello por “poder acompañar a Tarabela Creativa non só na estrea, senón tamén durante o propio proceso de creación da obra”.

“Para nós é especialmente bonito que o elenco leve estas últimas tres semanas traballando e ensaiando na Casa da Cultura. Burela estase convertendo durante este tempo no lugar no que a obra medra, se ensaia e toma forma, e poder vivir ese proceso desde dentro é unha oportunidade moi especial”, sinala.

“Chega o momento máis esperado, que é abrir as portas da Casa da Cultura e compartir o resultado dese traballo co público. Estamos moi contentas de que a estrea sexa aquí e de poder seguir apostando desde o Concello pola creación escénica galega e por proxectos que achegan a creación teatral á nosa vila”, engade.

As entradas teñen un prezo de 5 euros e poderán adquirirse na propia taquilla da Casa da Cultura desde as 20:00 horas.

Desde o Concello de Burela animan á veciñanza a achegarse mañá á Casa da Cultura para acompañar a Tarabela Creativa nesta estrea tan especial e descubrir unha obra que combina humor, música, investigación e unha historia familiar.