Burela estrea este sábado o programa “Verán Acuático” cunha gran festa na Praia Urbana
- O Concello pon en marcha o 18 de xullo unha programación pensada para gozar do verán en familia, que continuará durante os meses de xullo e agosto con novas festas, xornadas de kaiak e un parque acuático
Burela, 16 de xullo.- Burela dará este sábado, 18 de xullo, o pistoletazo de saída ao programa “Verán Acuático” cunha festa na Praia Urbana, unha proposta do Concello destinada a ofrecer alternativas de lecer para todas as idades e a converter os espazos públicos da vila en puntos de encontro durante os meses estivais.
A actividade permitirá que nenos, nenas e familias gocen dunha xornada marcada pola diversión e polos xogos relacionados coa auga, nun dos principais espazos de lecer do municipio durante o verán.
Desde o Concello de Burela anímase á veciñanza e ás persoas que visiten a vila a achegarse á Praia Urbana e participar nesta primeira cita dunha programación que combina actividade física, convivencia e goce dos espazos exteriores.
A deste sábado será a primeira das dúas festas acuáticas previstas dentro do programa, que terá unha segunda xornada o 8 de agosto, tamén na Praia Urbana. A programación completarase con actividades de kaiak os días 12 e 26 de xullo e 16 e 23 de agosto, así como cun parque acuático do 25 ao 28 de agosto na praza do Concello e na praza da Mariña.
O goberno local destaca que “Verán Acuático” nace coa vontade de dinamizar Burela durante os meses de verán e ofrecer propostas atractivas, accesibles e pensadas para compartir en familia e entre amigos.