• Galego
  • Español

Burela despide as súas actividades de verán na Casa da Xuventude ata o verán que vén

  • Na xuntanza de clausura, todas as persoas participantes recibiron un agasallo do Concello

Burela, 27 de agosto de 2026. O Concello de Burela pecha a programación de verán da Casa da Xuventude deste ano cunha xuntanza de despedida, na que deu un agasallo de recordo a todas as persoas participantes.

"Foi un pracer compartir momentos coa mocidade, co persoal que impartiu as actividades e observar o bo ambiente no que se divertiron e aprenderon", sinalou o tenente de alcaldesa, Mario Pillado.

"Moitas grazas a Celso, monitor de robótica, a Nuria de diversión matemática, a Santiago e Toñito por compartir os xogos populares da súa infancia... e ao resto de persoal participante", apuntou o tamén concelleiro de Xuventude.

Aínda que xa rematou o ciclo de actividades de verán, a Casa da Xuventude non pecha, e segue co seu horario de verán de 8:00 a 14:00 horas ata o vindeiro luns 31 de agosto. O martes 1 de Setembro volve o horario habitual de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas pola tarde.

"Animamos á rapazada participante a seguir gozando da súa casa, así como a toda a infancia e mocidade de Burela", afirma Pillado. "Lembrade tamén que en setembro retomaremos a actividade habitual do Grupo de Participación Adolescente ao que están todos e todas convidades", engade.