Burela dá luz ao Nadal cun espectáculo de drons por primeira vez no acendido do alumeado
Burela, 20 de novembro de 2026. O Concello de Burela celebrará o venres 4 de decembro o acendido do alumeado de Nadal baixo o lema Burela dá luz ao Nadal, cunha tarde de actividades para toda a familia. Este ano, o municipio aposta por unha iluminación renovada, con deseños modernos e innovadores, e como gran novidade e acendido contará por primeira vez cun espectáculo de drons.
A programación comezará ás 17:00 horas na Praza do Concello con pintacaras infantil, o pasarrúas de The Magic Brothers Big Band e unha chocolatada a cargo das Chocolateiras. Ás 19:00 horas terá lugar o acendido do alumeado, acompañado do espectáculo de drons e a xornada rematará ás 20:00 horas na Praza da Mariña con COVAROCK, organizado pola asociación Cova do Can.
O acendido contará ademais coa participación do grupo de maiores de Cruz Vermella, que prepara unha coreografía de Nadal e unha panxoliña para compartir con toda a veciñanza.
"O espectáculo de drons é unha proposta que combina luz, tecnoloxía e creatividade para ofrecer unha experiencia visual diferente e sorprendente", explica a concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo. "Dende a Concellería de Festexos queremos seguir incorporando novidades e mellorando a programación cada ano, sen perder a esencia destas celebracións: a participación, a convivencia e a ilusión de compartir momentos especiais".
"Queremos que Burela brille polo seu Nadal, non só polas luces, senón tamén pola vida e o ambiente que estas celebracións crean nas nosas rúas. Por iso, animamos a toda a veciñanza e a quen nos queira visitar a acompañarnos o vindeiro venres 4 de decembro e gozar dunha tarde chea de ilusión", engade Eijo.