Burela continúa co acondicionamento da Praza do Concello coa creación dun novo espazo de descanso
- O espazo incluirá novas árbores e mesas para todas as idades, e aproveitará o mobiliario urbano xa existente
Burela, 19 de agosto de 2026. O Concello de Burela continúa coas obras de acondicionamento da praza do Concello, cunha nova actuación que supón un investimento de 44.464€ para crear un novo espazo verde e de lecer.
No proxecto priorizouse o uso do granito como pavimento, a inclusión da zona verde para uso da cidadanía e a reutilización do mobiliario existente, completándoo con mesas para todas as idades, ademais de incorporar tres árbores que aportarán sombra ao novo espazo.
"Con esta pequena actuación vaiselle dar unha nova vida a unha zona que estaba practicamente sen uso, gañando un novo espazo para desfrutar no centro da vila", explica a alcaldesa de Burela, Carmela López.
“Queremos que este espazo estea vivo, que non sexa simplemente unha zona pola que pasar, senón un sitio no que apeteza quedar, estar á sombra ou simplemente de contemplación" sinala a rexedora. "E ademais imos facelo aproveitando mobiliario que xa tiñamos", engade.
A nova ordenación permitirá ademais abrir visualmente esta zona cara á Praza do Concello e incorporala ao día a día dun dos puntos máis céntricos de Burela. “Non fan falta grandes transformacións para cambiar un lugar, tiñamos un espazo con moitas posibilidades e queremos devolverllo á xente”, apunta López.
As obras están a avanzar estes días coa preparación das diferentes zonas que conformarán o novo espazo.