• Galego
  • Español

Burela contará desde setembro cun servizo mensual para tramitar o DNI na vila

  • A alcaldesa solicitou este servizo á Policía Nacional en Lugo co obxectivo de achegar á veciñanza un trámite habitual e evitar desprazamentos a outros municipios

Burela, 22 de maio de 2026. O Concello de Burela poñerá en marcha a partir do mes de setembro un novo servizo para facilitar á veciñanza a expedición e renovación do Documento Nacional de Identidade sen necesidade de desprazarse a outros municipios.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, solicitou este servizo á Policía Nacional en Lugo co obxectivo de achegar esta tramitación á veciñanza e facilitar especialmente o acceso das persoas maiores, familias e persoas con máis dificultades para desprazarse.

A visita ao Concello do comisario xefe do Corpo Nacional de Policía en Lugo, Luis Miguel Romera Pérez, e do subinspector da Policía Nacional de Lugo, José Luis Mourín González, serviu para avanzar na organización e posta en marcha deste servizo en Burela.

O servizo prestarase a través do equipo móbil da Policía Nacional e estará situado na Praza do Concello. A previsión é que as primeiras citas poidan realizarse no mes de setembro.

A atención realizarase un día ao mes, cunha capacidade aproximada de 30 persoas por xornada.

Carmela López destacou que “este é un servizo moi útil para Burela, porque evita desprazamentos innecesarios e achega á veciñanza unha tramitación básica. Trátase de facilitar o día a día e de facer máis accesibles os servizos públicos”.

A alcaldesa agradeceu a disposición da Policía Nacional e dos seus representantes en Lugo para avanzar na posta en marcha deste servizo en Burela. “Cando un trámite se pode facer máis preto, con máis comodidade e aforrando desprazamentos, estamos mellorando a vida da veciñanza. Esa é a liña na que queremos seguir traballando desde o Concello”, sinalou.

As persoas interesadas xa poden solicitar cita previa a través do correo electrónico dni@burela.org ou chamando ao Concello de Burela no teléfono 982 58 60 00. Para formalizar a cita será necesario facilitar nome e apelidos, número de DNI e teléfono de contacto.

Desde o Concello lémbrase tamén que o DNI pode renovarse ata seis meses antes da súa data de caducidade, polo que se recomenda á veciñanza revisar a validez do seu documento.