Burela celebra unha nova edición de ‘Xogo e Xente’, consolidando os seus torneos sociais de verán
- O programa alcanza a terceira edición do torneo de parchís e a segunda dos campeonatos de tute e oca, que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto na Praza da Mariña
Burela, 10 de xullo de 2026. Tras a boa acollida das edicións anteriores, o Concello de Burela organiza unha nova edición de “Xogo e Xente”. Durante os meses de verán celebrarase a terceira edición do torneo social de parchís por parellas e a segunda edición dos torneos de tute e oca, tres citas que teñen como obxectivo fomentar a convivencia, a participación cidadá e o encontro interxeracional a través dos xogos tradicionais.
A programación desenvolverase na Praza da Mariña, a partir das 20:30 horas. O torneo de parchís disputarase os días 20 e 21 de xullo, o de tute os días 3 e 4 de agosto, e o da oca os días 10 e 11 de agosto.
As inscricións poderán realizarse na Casa do Concello ou a través do correo electrónico cultura@burela.org, mentres que as bases completas están dispoñibles na páxina web municipal.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, explica que “con ‘Xogo e Xente’ queremos recuperar os xogos de sempre como un espazo de encontro e convivencia. É unha proposta pensada para que persoas de todas as idades compartan tempo, se coñezan e desfruten xuntas das noites de verán en Burela.”
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, destaca que “este programa demostra que o lecer tamén pode ser unha ferramenta para crear comunidade. A través destes torneos fomentamos a participación, as relacións entre xeracións e un envellecemento activo, facendo da Praza da Mariña un punto de encontro para toda a veciñanza.”
Dende o Concello animan á cidadanía a participar nesta iniciativa, que edición tras edición continúa gañando participación e consolidándose como unha proposta de lecer saudable que promove a convivencia, a recuperación dos xogos tradicionais e a dinamización social durante o verán.