• Galego
  • Español

Burela celebra o II Pleno Infantil con motivo do Día Mundial da Infancia e o 80 aniversario de UNICEF

Burela, 18 de novembro de 2026.  O Salón de Plenos do Concello de Burela acollerá mañá, xoves 19 de novembro, ás 12:00 horas, o II Pleno Infantil, no que participarán representantes dos catro centros educativos do municipio: o IES O Perdouro, o IES Monte Castelo, o CEIP Vista Alegre e o CEIP Os Castros. A iniciativa enmárcase nos actos do Día Mundial da Infancia, que se celebra o 20 de novembro, e coincide este ano co 80 aniversario de UNICEF, centrado nos dereitos da infancia.

A sesión seguirá a seguinte orde do día:

  1. Benvida e presentación por parte da alcaldesa, Carmela López.
  2. Presentación da versión infantil do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Burela, a cargo dos centros de educación secundaria, IES Monte Castelo e IES O Perdouro.
  3. "80 anos de historia de UNICEF e dereitos da infancia", a cargo dos centros de educación primaria, CEIP Os Castros e CEIP Vista Alegre.
  4. Propostas e preguntas.

A acaldesa de Burela destacou que "presidir un pleno no que a palabra a teñen as nenas, os nenos e a mocidade de Burela faime especial ilusión. Quero escoitar de primeira man como ven a vila, que lles preocupa e que cambiarían". Ademais engadiu que, cando remate o pleno, explicaranlle o que poden facer coas súas pospostas: "Se lles pedimos que participen, tamén temos que darlles resposta".

"O Pleno Infantil é unha oportunidade para que os nenos, nenas e adolescentes de Burela ocupen o lugar onde se toman as decisións do municipio e nos trasladen as súas ideas e preocupacións. Queremos que se sintan escoitados e que saiban que a súa opinión conta á hora de construír a Burela do futuro", sinala o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Xuventude, Mario Pillado.

Ademais, o venres 20 de novembro, coincidindo co Día Mundial da Infancia, representantes do Grupo de Participación Adolescente de Burela visitarán o Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela, dentro da actividade organizada por UNICEF Galicia, como ven sendo habitual cada ano.

"Este ano, co 80 aniversario de UNICEF, temos un motivo máis para lembrar que os dereitos da infancia deben estar no centro das políticas municipais. Agradecemos a implicación dos centros educativos e do profesorado, que fan posible que a participación infantil e adolescente sexa unha realidade en Burela", engade Pillado.