• Galego
  • Español

Burela celebra o Día do Libro cunha programación participativa para todas as idades

  • O Concello organiza actividades o 23 de abril e días posteriores para fomentar a lectura entre a veciñanza, con propostas para público adulto e infantil

Burela, 20 de abril de 2026. O Concello de Burela celebra o Día do Libro cunha programación de actividades dirixidas a fomentar a lectura e a participación cidadá, con iniciativas pensadas para diferentes idades.

O 23 de abril, a Biblioteca Municipal acollerá unha mesa libre de intercambio de libros. As persoas asistentes poderán deixar, coller ou compartir exemplares, nunha proposta que está orientada a facilitar o acceso á lectura de maneira aberta.

No mesmo día, a Casa da Cultura será escenario dun taller de iniciación ao estampado téxtil, que terá lugar entre as 19:00 e as 20:30 horas. A actividade, impartida por Xogando nas Nubes, está dirixida á mocidade e persoas adultas, e permitirá ás persoas participantes estampar unha bolsa de tea para transportar libros. O taller conta con prazas limitadas e require inscrición previa na Biblioteca Municipal.

A programación continuará o venres cunha proposta destinada ao público infantil. Entre as 17:00 e as 19:00 horas, nos soportais da Praza de Abastos, desenvolverase un taller creativo a cargo da Aula Medioambiental Gaia, no que a cativada realizará a actividade ‘Dados de historias’

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, indicou que “con esta programación buscamos achegar o libro e a lectura á veciñanza dun xeito participativo e atractivo, adaptado a diferentes idades”.

Dende o Concello animan á cidadanía a participar nas actividades programadas e a celebrar o Día do Libro arredor da lectura.