• Galego
  • Español

Burela celebra o 8M con actividades culturais e educativas para todas as idades

  • O programa inclúe actos institucionais, accións simbólicas, proxeccións audiovisuais e iniciativas de sensibilización nos centros educativos

Burela, 4 de marzo de 2026. O Concello de Burela conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cun programa de actividades aberto á veciñanza e dirixido a diferentes idades, que combina actos institucionais, propostas culturais e accións educativas ao longo do mes.

O acto central terá lugar o domingo 8 de marzo ás 17:30 horas no Parque Rosalía, onde se fará a lectura do Manifesto Institucional. A continuación, desenvolverase a actividade participativa Sementando Igualdade, que segundo explicou a concelleira de Igualdade Sandra Fernández “consistirá na plantación de flores lilas como xesto simbólico no parque onde xogan as nosas crianzas, unha maneira de lembrar que o futuro tamén se constrúe educando en igualdade dende os primeiros anos”.

A programación incluirá dúas proxeccións abertas ao público nos días posteriores para reflexionar sobre a memoria e o papel das mulleres na historia. A primeira será o xoves 12 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello onde se proxectará o documental Alén dos silencios, seguido dun coloquio coa súa directora, Carmen P.G. Granxeiro. A segunda terá lugar no Auditorio Municipal, que acollerá a proxección do filme Nación, dirixido por Margarita Ledo Andión o venres 13 de marzo, ás 20:00 horas.

No ámbito educativo, desenvolverase nos CEIP e IES da vila o Escape Room pola Igualdade “Estrelas” ao longo do mes de marzo, unha actividade de sensibilización dirixida ao alumnado de primaria e secundaria.

Como parte da conmemoración do 8M, durante eses días iluminaranse de violeta a Casa do Concello e diferentes prazas do municipio como símbolo do compromiso institucional coa igualdade.

Ademais, o sábado 7 de marzo ás 17:30 horas na Praza de Abastos, o Colectivo de Mulleres do 8M de Burela organizará un obradoiro de pancartas reivindicativas aberto á participación da veciñanza.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, explicou que “a igualdade constrúese día a día” e que, por iso, “os símbolos violetas no Concello e no Parque Rosalía teñen forza: non son decoración, son unha declaración da sociedade que queremos ser”

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade sinalou que o programa busca implicar á veciñanza de todas as idades, combinando memoria, cultura e educación, e incidindo no traballo de sensibilización coa infancia e a mocidade a través das actividades previstas.