• Galego
  • Español

Burela avanza no control da rede de abastecemento cunha sectorización completa

  • O Concello instala nove contadores de telelectura e divide a rede en máis de 15 sectores para mellorar a detección de fugas e reducir perdas de auga

Burela, 17 de marzo de 2026. O Concello de Burela completou a sectorización completa da súa rede de abastecemento de auga, unha actuación orientada a mellorar o control do consumo e reducir as perdas. Onte, día 16 de marzo, a obra foi supervisada pola alcaldesa, Carmela López, xunto co concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, e o xefe do Servizo de Augas municipal.

A intervención consistiu na instalación de nove contadores de telelectura que permiten o envío de datos en tempo real ao Servizo de Augas. Segundo explicou Fernández, esta tecnoloxía facilita “un control contínuo de toda a rede, o que permite detectar con maior rapidez fugas ou incrementos anómalos do consumo”.

Coa actuación, a rede pasa de estar dividida en seis sectores a contar con máis de 15 zonas diferenciadas. Isto, segundo indicou o concelleiro, supón unha mellora significativa na capacidade de resposta, xa que “cando detectamos un aumento de consumo nunha zona, inmediatamente o Servizo de Augas se pon a traballar nela”. Engadiu ademais que anteriormente a localización de fugas resultaba máis complexa ao ter que revisar practicamente toda a rede.

A obra foi financiada parcialmente mediante unha subvención de Augas de Galicia no marco dos fondos europeos Next Generation EU. O importe da axuda ascendeu a 39.874,62 euros, mentres que o custo total da actuación foi de 48.248,29 euros, sendo a contía restante asumida polo propio Concello.

Na actualidade, o rendemento da rede de abastecemento de Burela sitúase por riba do 80%. O concelleiro cualificouno como un dato positivo en comparación con outros municipios, explicando que “se perde moi pouca cantidade de auga”, aínda que incidiu na necesidade de mellora continua: “o ideal sería achegarse ao 100%, aínda que é moi difícil, pero seguimos traballando para minimizar ao máximo as perdas”.

Segundo indicou Fernández, esta actuación "forma parte da liña de traballo de compromiso co medioambiente e da busca da eficiencia enerxética e de recursos que queremos para o Concello, en beneficio da veciñanza”.

O Concello estuda, ademais, a posibilidade de incorporar contadores adicionais en zonas de gran consumo, como o hospital, co obxectivo de reforzar aínda máis o control sobre a rede.