Burela avanza na nova EDAR e na mellora do Plan Xeral e reitera o seu rexeitamento á ocupación de vivendas
Burela, 27 de novembro de 2025. O Pleno do Concello de Burela celebrou hoxe unha sesión ordinaria na que se someteron a aprobación diversos asuntos clave para o desenvolvemento urbanístico, ambiental e social do municipio.
Entre os puntos da orde do día, o Pleno acordou a modificación do gasto plurianual necesaria para continuar avanzando no financiamento da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), unha infraestrutura que o goberno municipal definiu como “esencial” para o futuro ambiental e urbanístico de Burela.
Así mesmo, aprobouse unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal destinada, segundo explicou a corporacion, “a mellorar a súa coherencia técnica e a adaptalo ás necesidades reais do territorio”.
Nun segundo bloque, foi aprobada por uninamidade a moción do BNG, cunha emenda de achega do PP relativa á reivindicación do 25N e a necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia de xénero.
Despois, foi rexeitada a moción do Partido Popular sobre a implementación da Lei de Protección dos Dereitos e Benestar dos Animais. Dende o equipo de Goberno sinálase que "esta lei xa está sendo aplicada plenamente en Burela, polo que non é necesario aprobar unha moción ao respecto".
A continuación, o Pleno aprobou, co voto en contra do Partido Popular, a emenda presentada polo Grupo Socialista á moción do PP relativa á ocupación de vivendas, que reitera o rexeitamento do equipo de goberno “a calquera ocupación ilegal” e aposta pola aplicación de “protocolos rigorosos, a axilización dos procedementos e o reforzo dos sistemas necesarios para garantir a seguridade e a convivencia”.
O goberno municipal puxo de manifesto que a principal problemática residencial de Burela é o difícil acceso á vivenda, condicionado por prezos elevados, pouca oferta de alugueiro e insuficiente vivenda protexida.
Por este motivo, a moción emendada e aprobada insta á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a incluír á Mariña nos seus plans de vivenda, así como a promover alugueiros accesibles e incrementar a vivenda pública.
A corporación municipal resume a súa posición afirmando que debe haber “tolerancia cero coa ocupación e tolerancia cero coas alarmas falsas. Firmeza na seguridade e seriedade nas políticas de vivenda".